Saúda
Con máis de oitenta clubs e catro mil deportistas federados, o Kung Fu é, actualmente, en Galicia, un deporte en pleno auxe que está a adquirir cada día máis adeptos. Máis alá da simple práctica deportiva ou do método de auto defensa, o Kung Fu é, ante todo, unha filosofía de vida, con profundas connotacións educativas e formativas, que promove a paz, a solidariedade e a harmonía, contribuíndo a mellorar a vida das persoas que o practican. Este é o principal motivo polo que, as Autoridades Chinas propuxeron á UNESCO que declare esta modalidade Patrimonio da Humanidade.
Esta excelente iniciativa, pode ser unha magnífica e histórica oportunidade para difundir a nobre e milenaria práctica das artes marciais e os valores tradicionais nos que se sustentan, tais como o autodominio persoal, a disciplina, a resolución dos conflitos sen violencia ou o fortalecemento mental das persoas. Valores que se combinan cos beneficios psíquicos e físicos innegables, que levan á persoa a ese equilibrio necesario entre o corpo e o espírito que ofrece a práctica das artes marciais.
Quero reiterar a miña máis sincera felicitación ás Autoridades Chinas e á Federación Galega, polo seu intenso traballo de promoción do Kung Fu, un deporte que xa beneficiou física e psicolóxicamente a centos de millóns de persoas en todo o mundo. Sen lugar a dúbidas, a declaración do Kung Fu como Patrimonio da Humanidade marcará un fito histórico no desenvolvemento deste arte marcial milenario.
José Ramón Lete Lasa
DIRECTOR XERAL PARA O DEPORTE
Felicitacións
Ás Autoridades Chinesas pola excelente iniciativa de propoñer á UNESCO, a declaración do Kung Fu como Patrimonio da Humanidade. Reciban o noso apoio e consideración.
Agradecementos
Facemos un sincero e expresivo recoñecemento ás Institucións Públicas en especial á Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, encabezada por D. José Ramón Lete Lasa e o seu equipo; polo seu eficaz labor á fronte do Deporte Galego, a súa aposta pola formación de Técnicos e Directivos e sobre todo pola atención que están a prestar ao Deporte escolar e social.
Aos Técnicos - Adestradores da nosa Federación, quen están a contribuír de xeito significativo a mellorar a saúde, a calidade de vida e o rendemento dos nosos deportistas, a través da práctica do kung fu. Sendo dirixidos por:
Dña. Rafaela Campaña Luna, Licenciada en Educación Física e Cinto Negro 5º Nivel
Directora de Planificación e Tecnificación
D. Antonio Riádigos García, Cinto Negro 6º Nivel
Director Técnico
D. Eduardo Jorge Méndez Sanjurjo, Cinto Negro 6º Nivel
Director da Comisión de Xuíces - Árbitros
D. José Manuel Gómez Suárez, Cinto Negro 6º Nivel
Director da Comisión de Cintos Negros
D. Oscar Rodríguez Rodríguez, Cinto Negro 5º Nivel
Director de Actividades
Aos Centros Di Som pola cesión do material fotográfico desta publicación, o cal, non só representa a historia desta Federación senón a do kung fu en Galicia
Recoñecemento especial
Quero facer un recoñecemento expreso a D. José Luis Rodríguez Acevedo Director deste Proxecto, e pioneiro do kung fu en España. Un visionario e un innovador que leva máis de 25 anos promovendo os beneficios físicos, psicolóxicos, sociais e humanos que se derivan da práctica deportiva. As súas achegas técnicas, psicopedagóxicas e deportivas, marcaron un antes e un despois no ámbito das artes marciais.
Carlos Alonso Martínez,
Presidente.




